O AMOR E AS PALABRAS

Résultat de recherche d'images pour "libros de m victoria ,moreno"
Dentro do conxunto da obra literaria de María Victoria Moreno, unha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo e tamén pioneira en introducir protagonistas femininas, existen unha serie de relatos que foron publicados por distintas institucións e formaron parte, na súa gran maioría, de libros colectivos.
Grazas ao coidado que a familia da autora puxo na custodia da súa obra, e ao atento traballo de Xavier Senín, gran parte deses contos mais un inédito que gardaba no seu ordenador, un dos últimos que escribiu, vén agora a luz neste libro (URCOEDITORA)
O amor e as palabras atesoura o mellor da autora en pequenas pílulas e poida mesmo que constitúa unha estratexia inmellorable para, logo, achegarse ás súas novelas e ao resto da súa obra.
 .Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás
Dominado fundamentalmente por un protagonismo xuvenil e feminino, en ocasións innovador tematicamente, encerra o mellor dos seus trazos como prosista: exquisitez e brillantez lingüística, fluidez e adaptabilidade nos discursos e un manexo espléndido tantos das diversas perspectivas narrativas como das claves dun xénero esixente onde devorca universos marcados polos conflitos e as crises, particulares ou sociais e inspiradas na deshumanización, na incomunicación ou na rebeldía. Asoman, así, as cicatrices dunhas vidas que se van marcando na pel dos personaxes pero onde tamén atopamos razóns para a esperanza, para festexar a vida e celebrala, en tantas ocasións de mans dadas cos afectos e co amor. Vida entendida como “un tren que nunca para”, como aquela que “pende dun fío, delgado e invisíbel” pero que Moreno soubo retratar, cunha visión humanista, optimista e sempre solidaria, onde a lectura e a literatura gozan, tantas veces, non só dun efecto balsámico senón liberador con páxinas imborrables como aquela onde iguala o degoiro e a saudade pois estas dúas “apuntan sempre a unha estrela ideal –escribe-. A diferenza está en que a estrela se vexa no amencer ou no solpor”.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 12 de xaneiro de 2018

Commentaires